NACEMENTO DO NOVO TITANIC

DÉCADA DOS 60. DESAPARECE O FÚTBOL FEDERADO NA ILLA.​

Como consecuencia da sanción federativa anterior e a desgana que existía nas directivas ninguén quixo facerse cargo do Céltiga. Existían varios equipos de barrios. Hai que ter en conta o que era a Ila neses tempos. Non había instalacións deportivas a excepción do campo da Bouza, que enriba quedaba lonxe. Os do barrio do Monte xogaban no campo das Penas, unha pequena explanada para dar catro patadas a unha pelota. Os rapaces de mais do centro, Aldea, Torre, Pedracerrada, xogaban no Aguiuncho, onde algunhas veces se habilitaban dous campos. Mais tarde tamén se arranxou un pouco unha explanada de Testos, onde tamén se xogaba algún partido.

Mais tarde, o Concello de Vilanova, do que A Illa dependía, e sendo D.Cándido Touceda, mestre na Illa e Alcalde en Vilanova, comprou os terreos do Pombal, onde hoxe está instalado o Colexio de Primaria e alí xogou o Céltiga os últimos partidos. Segundo nos conta Ramón Dios Iglesias “ Monchito” , a principios de ano 1961 el había formado un equipo con xoves de 15 a 18 anos para ir xogar a Vilanova. Mais tarde, xunto con Milleiro e Amancio, que traballaban na Confraría , deciden formar unha directiva e comezan por enviar un carta os comercios e industrias da Illa para recadar fondos e comprar botas e equipamento. Tamén buscaron que regalase as camisetas e pantalóns. Foi Alipio, un fabricante de conservas, que se brindou a facilitarllo coa a condición que o nome do equipo fose Titanic. E así foi como se refundiuse o Titanic coas camisetas brancas. Mais adiante foi Ramiro Poza, un isleño afincado en Venezuela quen regalou un equipamento de cor azul. Seguindo coa información de Monchito, o primeiro partido xogouse no campo do Pombal contra a Puebla gañando o Titanic por 6-1. Precisamente neste partido el fixo de adestrador e capitán do equipo.

Os xogadores eran todos xuvenís que viñan sendo adestrados por Teto e case todos da zona de Aldea e a Torre. Teto, naquelas datas traballaba de contable na fábrica de conservas de Alipio e solo tiña libre de 1 a 3 da tarde. Así que os adestramentos eran os martes e xoves de 2 a 3. Foi así, como, ante a falta de fútbol federado na Illa o TITANIC convértese no equipo local .

A súa vida deportiva descorre en paralelo co fútbol federado pero sen equipo da Illa que participe nas competicións oficiais. O seguinte paso foi formar unha Xunta Directiva e foi Narciso Otero Suárez ( Chicho da Cantina ) o Presidente con Fernando Milleiro como Secretario, Mascato como Tesoureiro, e outros colaboradores como Serafín, Juan Cores, e Ventura Nieto, Juan Cores, Luciano Dios,Manolo Rubio, Baraca, e case todos os xogadores colaboraban coa directiva.

Estes xogadores, todos eles moi xoves xogarían tan só durante dúas temporadas ( anos 61 e 62 ) e xogaban contra os equipos que descansaban no Campionato de Rías Baixas, e entre outros o Celta, Pontevedra, Ribeira, etc. ( xa que eran impares e sempre descansaba un equipo ) . Este equipo faría as veces de “canteira” do que logo, co paso dos anos ( temporada 67 – 68 ) sería o novo e definitivo CÉLTIGA federado. A importancia do equipo de fútbol da Illa era tida moi en conta noutros pobos de toda a comarca. Así, a falta do Céltiga, o Titanic xogaba trofeos en Ribeira, Puebla, Boiro, Vilalonga, Vilanova, especialmente nas festas patronais.